A NASA detecta o maior anel do sistema solar na órbita de Saturno
Escrito por Bel   
viernes, 09 de octubre de 2009

As imaxes tomadas polo telescopio espacial Spitzer mostran un círculo de po de dimensións nunca vistas ata a data.

anel descuberto

O telescopio espacial Spitzer detectou o maior anel do sistema solar na órbita de Saturno, que se estende a 13 millóns de quilómetros de distancia do planeta e está 50 veces máis lonxe que os aneis máis coñecidos.

As imaxes tomadas polo telescopio da NASA mostran un círculo de po de dimensións nunca vistas ata a data e que podería haberse formado, segundo os expertos, a partir de restos desprendidos da lúa Febe tras pequenos impactos, segundo publica hoxe a revista científica Nature.

Ata agora, o maior anel deste planeta -e tamén do sistema solar- era o «E» (os aneis de Saturno están clasificados alfabeticamente segundo a orde en que foron descubertos), que rodea ao planeta a unha distancia de 240.000 quilómetros.

Unha das peculiaridades do anel recentemente descuberto é que conta cunha inclinación de 27 graos respecto ao plano no que se presentan o resto de aneis, algo que levou aos investigadores a pensar que a súa orixe pode estar relacionado coa lúa Febe, que tamén se inclina ao redor de Saturno.

O equipo de expertos das universidades de Maryland e Virginia (EE.UU.), responsables da investigación, considera así mesmo que o po que forma este anel podería ser recollido por outra das lúas de Júpiter, Japeto, o que resolvería un dos grandes misterios da astronomía: por que este satélite presenta dúas caras con diferentes tonalidades, unha moito máis escura que a outra.

Estes astrónomos sosteñen que as partículas máis pequenas deste gran anel chocan frontalmente cunha das caras de Japeto, o que a escurece.