|
As imaxes tomadas polo telescopio espacial Spitzer mostran un círculo de po de dimensións nunca vistas ata a data.
O telescopio espacial Spitzer detectou o maior anel do sistema solar na órbita de Saturno, que se estende a 13 millóns de quilómetros de distancia do planeta e está 50 veces máis lonxe que os aneis máis coñecidos. As imaxes tomadas polo telescopio da NASA mostran un círculo de po de dimensións nunca vistas ata a data e que podería haberse formado, segundo os expertos, a partir de restos desprendidos da lúa Febe tras pequenos impactos, segundo publica hoxe a revista científica Nature. Ata agora, o maior anel deste planeta -e tamén do sistema solar- era o «E» (os aneis de Saturno están clasificados alfabeticamente segundo a orde en que foron descubertos), que rodea ao planeta a unha distancia de 240.000 quilómetros. Unha das peculiaridades do anel recentemente descuberto é que conta cunha inclinación de 27 graos respecto ao plano no que se presentan o resto de aneis, algo que levou aos investigadores a pensar que a súa orixe pode estar relacionado coa lúa Febe, que tamén se inclina ao redor de Saturno. O equipo de expertos das universidades de Maryland e Virginia (EE.UU.), responsables da investigación, considera así mesmo que o po que forma este anel podería ser recollido por outra das lúas de Júpiter, Japeto, o que resolvería un dos grandes misterios da astronomía: por que este satélite presenta dúas caras con diferentes tonalidades, unha moito máis escura que a outra. Estes astrónomos sosteñen que as partículas máis pequenas deste gran anel chocan frontalmente cunha das caras de Japeto, o que a escurece. |